Friday 10 de May de 2024

A Deputación da Coruña aposta pola profesionalización do sector turístico co apoio aos concellos na contratación de persoal


A Deputación da Coruña destina 800.000 € ao financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo dos concellos a través dunha liña de axudas que ten aberto o prazo de presentación até o vindeiro día 22 de febreiro. O obxectivo é, segundo o vicepresidente e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, contribuír á profesionalización e á calidade do sector.

Cunha liña de axudas á que se poden presentar os concellos de menos de 50.000 habitantes, a área de Turismo da Deputación da Coruña contribúe ao financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo con axudas que irán dos 10.000 aos 20.000 € no ano. O período mínimo de atención ao público da oficina de turismo será de 4 meses, coincidindo coa tempada alta turística.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca que a liña supón unha clara “aposta pola calidade turística e da imaxe da oferta dos concellos e tamén, claro está, un pulo para a creación de emprego no sector”.

Na pasada edición da convocatoria, un total de 55 concellos foron os beneficiarios das axudas que teñen como obxectivo “a profesionalización na atención turística para a mellora da calidade e a promoción dun sector de grande interese no desenvolvemento económico dos concellos”, afirma Xosé Regueira dunha liña que chega a súa terceira convocatoria destinada a concellos que, maiormente non terían capacidade de contratación sen apoio da Deputación da Coruña.

Os concellos poderán contratar por medio da axuda persoal especializado con titulacións como as técnicas de Guía, Información e Asistencia Turística; Empresas e Actividades Turísticas, o Grao ou diplomatura en Turismo, ou as súas equivalentes, o dobre grao en Ciencias Empresariais e Turismo, ou os graos ou licenciaturas en Historia da Arte, Humanidades, Xeografía e Ordenación do Territorio ou Historia.

Criterios de baremación

Nos criterios de baremación da convocatoria computarase o número total de prazas de aloxamentos en establecementos turísticos, a capacidade de cobertura da demanda turística -oficinas, áreas ou servizos diferenciados, servizos de información operativos todo o ano ou información na rede- e interese turístico e planificación sostida, do que se terá en conta, entre outros, que sexan municipios de interese turístico ou conten con festexos así declarados, que desenvolveran plans de achegamento á calidade turística, que teñan certificados recursos dalgunha das normas europeas cualificadoras da calidade, que conten con establecementos catalogados coa Q, que conten no territorio con espazos naturais protexidos, patrimonio catalogado como BIC ou museos e centros de interpretación.

Poderán concorrer á convocatoria non só os concellos senón tamén agrupacións de tres ou máis municipios limítrofes sempre que sexan de menos de 10.000 habitantes e non dispoñan de áreas de Turismo e persoal asignado á xestión no seu organigrama.